A CIG mobilízase contra a "criminalización" das baixas laborais: "Enfermar non é delito"

Pontevedra
16 de abril 2026

O Secretario Xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, encabezou este xoves a protesta de delegados sindicais que finalizou fronte á sede da Xunta de Galicia

Protesta da CIG contra a "criminalización" das baixas laborais

As principais cidades galegas foron escenario este xoves da mobilización da Confederación Intersindical Galega (CIG) tras o recente anuncio do presidente da Xunta de Galicia dun plan autonómico para intensificar o control das baixas laborais.

O secretario xeral de CIG, Paulo Carril, encabezou a protesta celebrada na Boa Vila por delegados sindicais e que finalizou fronte á sede da Xunta de Galicia.

"Hoxe reclamamos que a saúde é un dereito e enfermar non é un crime", afirmou.

"O que temos que denunciar é que, por parte do presidente da Xunta, se faga apoloxía dunha forma tan escandalosa dunha reivindicación patronal baseada na mentira", defendeu o máximo representante de CIG.

Paulo Carril, secretario xeral de CIGAlberto de Madrid Lafuente

Carril fixo fincapé na deterioración da sanidade pública galega "a pasos axigantados" como consecuencia do que asegura é un proceso de privatización da sanidade.

"Medran as listas de agarda, medran as listas de intervencións cirúrxicas, todo agrava calquera tratamento", sinalou alertando ao mesmo tempo dos incrementos e ritmos de produción nas empresas cunha "precariedade de traballo en aumento".

O secretario xeral do sindicato nacionalista criticou ademais a lexislación "obsoleta" no ámbito de prevención e riscos laborais "que para nada está pensada a día de hoxe en protexer e previr a saúde das persoas traballadoras".

Nese contexto e coa campaña iniciada polo goberno galego, asegura a CIG, preténdese "criminalizar" as persoas que enferman e tamén "recortar calquera mellora que poida darse en materia de redución de xornada ou conciliación, porque todo se deriva ao absentismo", denunciou Paulo Carril.

As protestas convocadas pola CIG contaban coa lema "a saúde é un dereito, enfermar non é delito".

Protesta da CIG contra a "criminalización" das baixas laboraisAlberto de Madrid Lafuente

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora