Unidas, diversas e combativas. Con este lema constituíuse formalmente o Colectivo Feminista de Pontevedra, unha plataforma que integra cinco asociacións feministas e máis dunha trintena de mulleres comprometidas coa loita pola igualdade e contra a violencia machista.
As súas integrantes proceden dos municipios de Pontevedra, Lalín, Cuntis, Caldas de Reis, Marín, Friol, Teo, A Estrada, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Vilagarcía ou Nigrán, entre outros.
Todas elas asinaron a acta fundacional deste colectivo que, segundo a súa presidenta, Vicky Estévez, impulsará o feminismo como medio para transformar a sociedade e acadar a igualdade real entre mulleres e homes.
Esta unión faise realidade tras un ano de traballo na Plataforma Feminista de Pontevedra, unha experiencia "enriquecedora" que deu paso á formación constituída este sábado na Casa da Luz.
As asociacións e particulares que toman parte nesta iniciativa aportan, dunha banda, a experiencia do feminismo de a pé de rúa e, doutra, unha visión teórica e profesional de nivel. Estas dúas características fan que o Colectivo Feminista de Pontevedra sexa unha entidade "diversa, plural e heteroxénea" na que os espazos de debate entre as súas integrantes e o intercambio de propostas constitúen ideas fundacionais "irrenunciables".
Un dos seus compromisos fundamentais será traballar para artellar sistemas que conecten o feminismo e a sociedade pontevedresa co obxectivo de combater as violencias machistas, xa desde as idades máis temperás e sempre traballando en equipo para promover a participación e a motivación.
As organizacións ou persoas interesadas en sumarse poderán facelo a través da súa páxina de Facebook ou do correo electrónico: [email protected].