Cinco asociacións veciñais da Lama recibiron axudas da Xunta para mellorar os seus locais sociais

A Lama
24 de maio 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu de primeira man as actuacións realizadas no local social da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta e no da Asociación de Veciños de Escuadra

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita varias entidades veciñais do concello da Lama
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita varias entidades veciñais do concello da Lama / Xunta de Galicia

Nos últimos meses cinco entidades veciñais do concello da Lama recibiron, en conxunto, preto de 85.000 euros en subvencións para levar a cabo obras de acondicionamento, mellora e accesibilidade dos locais sociais nos que levan a cabo actividades en beneficio da comunidade.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu de primeira man as actuacións realizadas no local social da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta e no da Asociación de Veciños de Escuadra.

No primeiro caso, as obras consistiron na ampliación dunha rampla para mellorar o acceso ao local, a substitución de portas e fiestras, a mellora do illamento térmico do inmoble e o equipamento da cociña con novos electrodomésticos e servizos. No segundo, acometéronse obras de impermeabilización e illamento, ademais de colaborar na adquisición de material informático e de mobiliario para uso da veciñanza.

Ao abeiro da orde, a Xunta sufragou tamén melloras levadas a cabo nos locais sociais da Asociación de Veciños de Laxedo, na de Xende e Paradela e nas instalacións do Centro Cultural de Veciños de Pelete, todas elas coa finalidade de acondicionar e equipar os centros nos que se reúne a veciñanza para a posta en marcha de actividades que reforzan o asociacionismo e a cooperación veciñal.

Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.