Nexus, Iberdrola, Gas Natural Fenosa, Ados e Endesa. Son as cinco compañías que presentaron a súa oferta para adxudicarse o contrato para a subministración do 70% da enerxía eléctrica dos espazos e inmobles públicos de titularidade municipal.
O prezo de licitación ascende a 1,6 millóns de euros. Trátase de electricidade para atender a iluminación pública, das escolas, centros municipais, gardería, o Pazo da Cultura e pavillóns deportivos. Son, en total, máis de 10 millóns de quilowatts.
Os técnicos municipais analizarán agora as ofertas presentadas para calcular, en base ao prezo dos tramos ofrecidos, cal delas é máis vantaxosa para as arcas municipais.
O que está claro é que todas elas poderían fornecer "electricidade verde", é dicir, procederá de enerxías renovables como as de orixe hidroeléctrica, eólico, solar ou de coxeneración de alta eficiencia como a elaborada a partir de biomasa.
Os pregos do contrato recollían que o 30% da enerxía fornecida debería de ser orixe verde, pero as cinco compañías comprometéronse a elevar esa porcentaxe ata o 100%.
O contrato actual é con Iberdrola. A nova licitación é por un ano, prorrogable a dous máis.