Cinco cursos da Escola Feminista actívanse para poñer o foco no autocoidado

Pontevedra
03 de novembro 2025

O programa, impulsado pola concellería de Xuventude, estenderase ata maio de 2026 con obradoiros gratuítos deseñados para dotar de recursos a mozas de entre 15 e 35 anos fronte a unha "sociedade hostil"

Presentación de obradoiros da Escola Feminista da Mocidade
Presentación de obradoiros da Escola Feminista da Mocidade / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra presentou este luns a Escola Feminista da Mocidade, un proxecto que se desenvolverá desde novembro de 2025 a maio de 2026 co obxectivo de dotar á xente nova, especialmente mulleres entre 15 e 35 anos, de recursos para xestionar situacións de violencia e hostilidade social.

Eva Vilaverde, teniente de alcalde, durante a presentación, destacou que "dar recursos á xente nova para identificar violencias e desbotalas e eliminalas é clave", salientando a importancia de construír espazos seguros para traballar conceptos como autocoidado, autoestima e empoderamento.

As actividades, todas de balde e promovidas pola oficina de Xuventude, abranguen:

  • Círculo de Empatía: encontros quincenais, desde o 18 de novembro ata o 5 de maio de 2026, promovidos por Vicky Estévez, para crear un espazo seguro de xestión emocional e autocoidado.

  • Arteterapia: sábados 22, 29 de novembro e 13, 20 de decembro, obradoiros por Reina O’Hoore para fortalecer a resiliencia e autoestima a través de experiencias artísticas e conexion sonora.

  • Curso de autodefensa físico-emocional e empoderamento: sábados 28 de febreiro, 7 e 14 de marzo, por Sensei Jatsue, a través do método Sakura e arquetipos femininos, realizando defensa persoal física e relaxación consciente na que non faltarán "espadas".

  • Violencias sexuais: entendelas para desmontalas: sábado 7 de febreiro, obradoiro a cargo de María Benito Sicilia para aprender a practicar o consentimento e poñer límites nas relacións sexuais, orientado a diferentes ámbitos como educativo, sanitarios ou servizos sociais.

  • Zentangle: empoderamento artístico: luns 2, 9, 16, 23 de febreiro e 16, 23 de marzo de 2026, por Elisabet Hillerud, onde se fomenta a meditación, a calma e o desenvolvemento artístico.

As inscricións poden realizarse en apuntate.pontevedra.gal.

Nas actividades darase preferencia ás menores de 35 anos, sendo necesaria unha idade mínima de 15 anos. Algúns talleres como o Círculo de Empatía non teñen límite de prazas.

Para máis información pode contactarse coa oficina de Xuventude na Casa da Luz, de 09:00 a 14:00 horas (986 100 185, ext. 7491).

O Concello subliña que todas as actividades buscan fortalecer ás mulleres mozas fronte a unha sociedade especialmente hostil nesta etapa vital, ofrecendo ferramentas para o autocoidado, a autoestima e a identificación e eliminación das violencias.