Cinco empresas presentan ofertas para duplicar a área de esterilización do Hospital do Salnés

Pontevedra
04 de decembro 2021

 Trátase de obras de reforma e ampliación da área de esterilización que dotarán ao hospital dunha nova unidade que duplicará a superficie actual dedicada a este proceso.  A actuación saíu a licitación por 769.617 euros. 

Hospital do Salnés
Hospital do Salnés / Cristina Saiz

O proxecto da Consellería de Sanidade para ampliar a área de esterilización do Hospital do Salnés recibiu cinco ofertas de empresas interesadas en executar as obras. 

Trátase de obras de reforma e ampliación da área de esterilización que dotarán ao hospital dunha nova unidade que duplicará a superficie actual dedicada a este proceso. 

Con esta actuación, o hospital adaptará a capacidade do seu bloque cirúrxico, tras a ampliación do centro sanitario. 

A actuación saíu a licitación por 769.617 euros. A Xunta de Galicia xa investiu 8,5 millóns de euros na ampliación deste hospital, posibilitando contar cunha nova área de urxencias, un bloque cirúrxico dotado con cinco quirófanos, unha área obstétrica que multiplica por cinco a súa superficie anterior, e un hospital de día que conta dez boxes.

A Consellería de Sanidade tamén sinalou este sábado a través dun comunicado que destinou preto dun millón de euros para adquisición de equipamento, entre o que se atopan cardiotocógrafos, incubadora para a área obstétrica, respiradores BIPAP para urxencias, arco radiocirúrxico e unha torre de endoscopia para o bloque cirúrxico.