Cinco entidades de Marín, Poio e Pontevedra reciben 11.000 euros para realizar actividades turísticas

Pontevedra
01 de novembro 2023

Mediante as axudas, entre outras cuestións, sufragarán gastos para poñer en marcha un curso sobre biodiversidade no sector turístico, unha exposición itinerante sobre o Camiño Portugués cara Santiago e actividades deportivas

Peregrinas en San Amaro, en Barro
Peregrinas en San Amaro, en Barro / Mónica Patxot

Cinco entidades das localidades de Marín, Poio e Pontevedra, na comarca de Pontevedra, recibirán máis de 11.000 euros no marco das axudas convocadas pola Deputación Provincial para a realización de actividades turísticas durante o ano 2023.

As axudas, que foron aprobadas na última Xunta de Goberno da institución provincial, teñen por obxectivo colaborar na promoción do destino Rías Baixas e estimular a competitividade, a calidade, a accesibilidade e a sostibilidade do sector turístico. 

En Pontevedra, a Asociación Cultural Amigos del Camino Portugués beneficiarase desta liña de axudas para a exposición itinerante 'Camiños: o doce no Camiño Portugués de Santiago'. Ademais, a Asociación para el Desarrollo Educativo y Cultural recibiu axudas da Deputación para o curso de biodiversidade, patrimonio inmaterial e emprego no sector turístico e a Asociación Sociocultural Deportiva Ocra Galicia recibirá fondos para a X One Race 2023.  

En Marín, IMUA Paddle Surf Club Aguete recibiu achegas para actividades na praia de Aguete.

En Poio, A Rosa dos Ventos recibiu fondos para a XII Concentración Moteira A Rosa dos Ventos.