Cinco mil unidades vendidas nun Caldelas Tapas que entra na súa recta final

Ponte Caldelas
23 de xullo 2016

Un único venres, o do 29 de xullo, queda para que veciños e visitantes de Ponte Caldelas, poidan degustar as propostas dos trece establecementos hostaleiros que participan no certame gastronómico Caldelas Tapas, que nas catro datas anteriores celebradas ata o momento lograron vender xa cinco mil unidades

Participantes no certame gastronómico Caldelas Tapas
Participantes no certame gastronómico Caldelas Tapas /

Un único venres, o do 29 de xullo, queda para que veciños e visitantes de Ponte Caldelas, poidan degustar as propostas dos trece establecementos hostaleiros que participan no certame gastronómico Caldelas Tapas, que nas catro datas anteriores celebradas ata o momento lograron vender xa cinco mil unidades.

O concurso, organizado polo Concello, permite gozar dunha tapa a un prezo de 2,50 euros incluíndo tamén unha bebida básica.

O alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos concelleiros Enrique Vidal, José Manuel Martínez, Manuel Barreiro e Lito Muíños non faltou á cita deste venres e todos eles percorreron varios dos locais, onde comprobaron que varios deles volveron quedar sen existencias ao redor da medianoite.

Ademais, viron que se está a producir o fenómeno de que moita xente, que xa probou as 13 tapas, repite coas que máis lle gustaron. Un dato que se corrobora coa confirmación por parte dos hostaleiros de que hai bastantes persoas que teñen xa o folleto da ruta cos selos de todos os locais.

O goberno municipal asegura estar convencido de que acertou elixindo o formato das noites do venres do mes de xullo para o Caldelas Tapas. O certame, que cumpre o seu segundo ano, tense convertido, din, nun imprescindible na programación turística municipal.

As propostas culinarias das que aínda se poderá gozar o próximo venres son: "Tostada de ceviche de langostino" (Bar Puente), "Rolo de carne silvestre" (Verdugolandia), "Raxo con piña" (Parada), "Tosta de langostino sobre rulo tépedo" (Aries); "Grecohamburteja picante" (O Greco), "Minicaldeburger" (Casa Fidel), "Cuscús traidor" (O Recanto), "Nube de pataca con tropezón de tenreira" (Pecas), "Entre brasas" (O Castilla), "Dentada mediterránea" (Acuña), "Delicias de mar dentro" (A Fonte), "Capricho de mar e terra" (Alameda) e, finalmente, "A beira do río" (Casa 501).

A principios de agosto sortearase o premio do vale de compra de 100 euros entre o público participante, así como a designación da tapa gañadora pola votación popular.