Non só Pontevedra recibirá fondos da UE para o seu desenvolvemento urbano sostible. Dentro do mesmo ámbito de influencia, as autoridades europeas acordaron destinar cinco millóns de euros para o proxecto presentado por Marín á convocatoria da denominada estratexia DUSI.
"Será un impulso importantísimo para o noso concello", segundo destacan desde o goberno municipal, tras coñecer a través do Boletín Oficial do Estado (BOE), que o proxecto denominado Marín 2020 fora un dos seleccionados polo comité técnico.
Aos cinco millóns de euros que entregará Bruxelas con cargo aos fondos FEDER, Marín incorporará 1,2 millóns de euros de fondos propios polo que o orzamento deste conxunto de actuacións ascenderá a más de seis millóns de euros.
Con eses cartos e, de acordo co proxecto presentado por Marín, acometeranse a implantación da administración electrónica, obras para que a vila sexa unha cidade smart e cun turismo intelixente ou melloras no ámbito da accesibilidade e da mobilidade.
Ademais, levaranse a cabo actuacións en materia de eficiencia enerxética, traballos de recuperación de espazos públicos, a dinamización do comercio, da hostalería, do ocio ou da cultura e a construción dun equipamento sociocultural.
"É un importante avance para Marín, unha oportunidade única que ten moito traballo detrás e que é un impulso para seguir traballando nesta liña", afirmou a alcaldesa, María Ramallo, que agradeceu o traballo das administracións, organismos e asociacións que aportaron as súas suxestións a este proceso.