Cinco operarios desinfectan as escolas infantís municipais coa intención de abrir o 25 de maio

Sanxenxo
13 de maio 2020

Os traballos comezarán este xoves na escola do Tombo e supoñen a hixienización dos espazos, tanto de paredes como chan, cadeiras, mesas, xoguetes e elementos das zonas de lecer. Ademais tamén van lavarse as roupas como mantas e prendas de bebé

Limpeza de garderías
Limpeza de garderías / Concello de Sanxenxo

O goberno local de Sanxenxo espera que o 25 de maio se abran as escolas infantís e, por este motivo, este xoves 14 unha brigada de cinco operarios municipais iniciarán as actividades de desinfección e  higienización de espazos interiores e exteriores das dúas garderías municipais.

Esta brigada comezará pola escola do Tombo con tarefas de limpeza exhaustiva de chan e paredes, cadeiras, mesas, xoguetes e aparellos das zonas de xogo. Tamén se lavarán as mantas e as pezas de bebés.

A partir da próxima semana, a brigada trasladarase ata a escola do Revel realizando os mesmos traballos.

Esta actividade súmase á desinfección que se realiza en horario de mañá e tarde dos centros educativos nos que se atopa o persoal directivo atendendo a familiares que, de forma presencial, queren formalizar as matrículas. 

O Concello de Sanxenxo lembra que para realizar este trámite de matriculación debe acudir unha soa persoa e terá que manter a distancia de seguridade. Recoméndase o uso de máscara.