Este sábado 2 chega a Barro o Festisol (Festival Solidario Galicia), unha cita fundamental para apoiar a Edgar, un bebé ourensán que precisa de diñeiro para pagar uns audífonos. Celebrarase ás 21.00 horas no Pazo da Crega.
O festival conta coas actuacións de Ana Angueira, Zanfoneiros sen fronteiras, Son das Tabernas e Santi Barreiro DJ, ademais de animación, actuacións infantís e gastronomía.
A entrada custa 3 euros, os menores pasan gratis ao recinto. As entradas pódense adquirir na Cafetería Praza, de Barro ou no Bar Almirante, de Pontevedra. O evento está organizado pola Taponeta Solidaria, unha iniciativa encabezada por Enrique Magdalena, apoiada por Fundación Amigos de Galicia.
Aquelas persoas que queiran colaborar coa causa de Edgar, poden achegar donativos a través dunha Fila Cero. O número de conta é ES55 2080 5075 1730 4003 4704.
O neno de seis meses padece hipoacusia conxénita bilateral moderada severa e necesita uns audífonos que teñen un custo subvencionado pola Seguridade Social, pero non na súa totalidade. O custo é tan elevado que a familia non pode facerse cargo.