Clase práctica sobre compostaxe para dez alumnas na busca de emprego

Umia
05 de outubro 2020

Dez alumnas do Curso de Mestría en Compostaxe promovido por Amigos da Terra participaban este luns en Caldas de Reis nunhas clases prácticas sobre o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra

Asistentes á clase práctica sobre compostaxe en Caldas de Reis
Asistentes á clase práctica sobre compostaxe en Caldas de Reis / Deputación de Pontevedra

Dez alumnas do Curso de Mestría en Compostaxe promovido por Amigos da Terra e financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Fondo Social Europeo dentro do programa ‘Emprega Verde’ participaban este luns en Caldas de Reis nunhas clases prácticas sobre o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

A mestra composteira Beatriz Fernández Lorenzo encargouse de explicar cales son as tarefas do persoal técnico de mantemento destes centros de compostaxe.

A demostración práctica resultou ser un complemento axeitado da formación teórica que veñen recibindo no curso, de cara a poder atopar emprego neste sector, cada vez con máis oportunidades profesionais pola obriga dos concellos de xestionar o seu lixo de maneira máis sustentable seguindo as directrices da Unión Europea.

Ademais das alumnas, participaron nas clases prácticas o técnico de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis, unha das persoas en formación de Illa de Príncipe e dúas técnicas do concello lugués de Foz, que manifestaron a o seu interese en implantar un modelo de xestión como o Revitaliza no seu municipio. 

As alumnas interesáronse por aspectos prácticos na xestión dos caixóns de compostaxe, como o número de veces que é preciso remexer o material que dá lugar ao compost; cal é o tempo en que tarda en encherse o módulo de achega de residuos orgánicos; ou o prazo no que madura correctamente o compost.

Un dos obxectivos do Plan Revitaliza da Deputación é favorecer a través da formación que se xere emprego local, cunha aposta pola dinamización e o asentamento no rural. O Revitaliza realizou ata o de agora 74 contratos de bolseiros ou persoal en prácticas, contratou a 20 interinos por execución de programa, e facilitou a contratación de 27 interinos nos concellos da provincia.