O alumnado do Club de Ciencia do Instituto Xunqueira II de Pontevedra participou, a pesares das inclemencias do tempo deste martes, nunha plantación de árbores nas inmediacións do futuro campo de fútbol de Salcedo, cuxas obras rematarán nas vindeiras semanas.
A plantación é o resultado da colaboración do profesorado do centro educativo coa Comunidade de Montes en Mancomún de Salcedo e co seu presidente, Fernando Pintos.
As árbores elixidas para formar a ringleira vexetal que dará acceso ao campo da festa e o campo de futbol son liquidámbar. Trátase dunha especie de árbore americana caducifolia de grande porte e beleza pola coloración que adquire a súa follaxe durante o outono que vai dende o amarelo ao vermello.
Cada alumno tivo acceso á plantación dun exemplar que marcou para a súa identificación e así poder facerlle un seguimento nos vindeiros anos.
O alumnado estivo acompañado polas profesoras Mariluz Lores e Mari Carmen González que destacaron o "enorme valor educativo" deste tipo de actividades "debido ao grande descoñecemento que moitos mozos amosan do mundo rural e da súa contorna".
"Tamén resultan moi importantes para fomentar xornadas de convivencia moi diferentes ao contacto diario nas aulas entre profesorado e o alumnado", engadiron.
Ademais, tras realizar a plantación, o grupo trasladouse para xantar ao lugar onde se recrean as pallozas neolíticas onde tamén poideron comprobar como era a vida nesa época e observar e interpretar os númerosos petróglifos que existen na zona.
O parque forestal de Comunidade de Montes en Mancomún de Salcedo atópase nas antigas instalacións da Brilat adicadas a campos de tiro e manobras.
Hoxe en día, tras unha profunda transformación paisaxística, conta con preto de 100.000 árbores entre frondosas e coníferas.