O Club de Ciencia da Xunqueira II planta árbores en Salcedo

Pontevedra
12 de febreiro 2025

Cada alumno tivo acceso á plantación dun exemplar que marcou para a súa identificación e así poder facerlle un seguimento nos vindeiros anos

O Club de Ciencia da Xunqueira II planta árbores en Salcedo IES Xunqueira II

O alumnado do Club de Ciencia do Instituto Xunqueira II de Pontevedra participou, a pesares das inclemencias do tempo deste martes, nunha plantación de árbores nas inmediacións do futuro campo de fútbol de Salcedo, cuxas obras rematarán nas vindeiras semanas.

A plantación é o resultado da colaboración do profesorado do centro educativo coa Comunidade de Montes en Mancomún de Salcedo e co seu presidente, Fernando Pintos.

As árbores elixidas para formar a ringleira vexetal que dará acceso ao campo da festa e o campo de futbol son liquidámbar. Trátase dunha especie de árbore americana caducifolia de grande porte e beleza pola coloración que adquire a súa follaxe durante o outono que vai dende o amarelo ao vermello.

Cada alumno tivo acceso á plantación dun exemplar que marcou para a súa identificación e así poder facerlle un seguimento nos vindeiros anos.

O alumnado estivo acompañado polas profesoras Mariluz Lores e Mari Carmen González que destacaron o "enorme valor educativo" deste tipo de actividades "debido ao grande descoñecemento que moitos mozos amosan do mundo rural e da súa contorna".

"Tamén resultan moi importantes para fomentar xornadas de convivencia moi diferentes ao contacto diario nas aulas entre profesorado e o alumnado", engadiron.

Ademais, tras realizar a plantación, o grupo trasladouse para xantar ao lugar onde se recrean as pallozas neolíticas onde tamén poideron comprobar como era a vida nesa época e observar e interpretar os númerosos petróglifos que existen na zona.

O parque forestal de Comunidade de Montes en Mancomún de Salcedo atópase nas antigas instalacións da Brilat adicadas a campos de tiro e manobras.

Hoxe en día, tras unha profunda transformación paisaxística, conta con preto de 100.000 árbores entre frondosas e coníferas.