Coa chegada de decembro empeza tamén unha nova quenda de actividades do programa Apego, que ten como obxectivo achegarlles ás familias recursos que lles axuden a mellorar e enriquecer a lingua que falan na casa cos seus descendentes.
As propostas ofrecidas para este outono pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra abranguen un concurso, obradoiros de xogos, contos e cancións e tamén distintas charlas. Todas son de balde e desenvólvense na Casa Azul.
As actividades están dirixidas ás familias que teñen fillos ata 6 anos ou que están agardando un novo membro. As prazas son por familia, para 1 ou 2 adultos por menor. Son limitadas e para todas as actividades, agás para o concurso, cómpre inscrición no seguinte formulario: http://apuntate.pontevedra.gal/apego/.
Para formar parte do programa Apego hai que solicitar unha cita a través do web www.apego.gal
Programa de actividades:
• 'Concurso de meigallos en vídeo para protexer a lingua'. Para participar en familia.
• 'Había unha vez', con Ruth Caramés de Fabaloba. Obradoiro en 4 sesións relacionadas para familias con nenos de 0 a 6 anos. Os martes 11 e 18 de decembro e 15 e 22 de xaneiro, de 17.00 a 19.00 horas.
• 'Prende no colo', con Luís Prego e Samuel Soto. Obradoiro para familias con nenos de 0 a 3 anos. O xoves 13 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco).
• 'A mitoloxía galega: un tesouro de seres máxicos, lendas e outros recursos para contar'. Rafa Quintía, antropólogo, de Ab Origine. Charla para adultos o venres 14 de decembro, de 18.00 a 19.00 horas.
• 'O teu parto consciente', con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal. Faladoiro para pais, aínda que tamén poden asistir nenos. O mércores 19 de decembro, de 17.00 a 18.30 horas.
• 'Para cantar e bailar', con Luís Prego e Samuel Soto. Obradoiro para familias con nenos de 4 anos en diante. O xoves 20 de decembro, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco).
• 'Claves para unha lactación materna exitosa', con Cristina Fariñas, psicóloga especialista no eido perinatal. Faladoiro para pais; poden asistir tamén nenos. O venres 21 de decembro, de 17.30 a 19.00 horas.
• 'Orella pendella', con Bea Campos de Migallas Teatro. Obradoiro para familias con nenos de 0 a 6 anos. O sábado 22 de decembro. Primeira sesión ás 11.00 horas (45 minutos) e segunda ás 12.15 horas (45 minutos).