Os xogos de auga instalados no centro do Paseo Alcalde Blanco, en Marín, estarán de novo activos a partir desta fin de semana, para a que se agardan altas temperaturas.
A brigada municipal de augas xa estivo traballando para poñer en marcha de novo todo o circuíto, que funciona como un ciclo pechado no que a auga se recolle de novo a través dun sumidoiro para ser tratada e filtrada e poder usala de novo nos xogos.
Desde o Concello, lembran a importancia de facer un bo uso dos xogos para que a súa vida útil sexa a máis longa posible e se eviten problemas de atascos.
Nese sentido, poñen moito o foco en que está prohibido acceder con animais, debido a que o pelo dos mesmos acaba nos filtros e atasca o sistema.
Tamén é importante recoller os restos de globos de auga que moitas veces se atopan no desaugadoiro e que supoñen un problema para o circuíto.