Coa morte dunha muller de 95 anos, a área sanitaria pecha o ano con 229 vítimas desde o inicio da pandemia

Pontevedra
01 de xaneiro 2022

A paciente falecía no Hospital Montecelo. A Consellería de Sanidade notificaba esta única morte en Galicia a consecuencia da covid-19 na última xornada de 2021. A comunidade eleva o número de mortes como consecuencia da pandemia a 2.765 persoas

Persoal sanitario
Persoal sanitario / Mónica Patxot

A última vítima  diagnosticada por coronavirus notificada pola Consellería de Sanidade é unha muller de 95 anos, que falecía este venres 31 de decembro no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

A vítima contaba con outras enfermidades previas no seu expediente médico. Con esta morte, a área sanitaria pecha o ano con 229 pacientes falecidos desde que se rexistran os datos de decesos como consecuencia da pandemia. Nos últimos 13 días faleceron 15 pacientes con esta enfermidade. Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse nos distritos de Pontevedra e O Salnés un total de 23.821 persoas, 134 máis que na xornada anterior.

A Consellería non notificou máis falecementos nesta xornada na comunidade autónoma. Desta forma, Galicia pon fin a 2021 cun total de 2.765 persoas que perderon a vida con esta enfermidade.