Co inicio das vacacións escolares a partir deste mesmo martes, o Concello de Pontevedra reforza a súa programación de Nadal e esta semana ten en cartel oito propostas de actividades que inclúen concertos, espectáculos e a visita do Apalpador.
Trátase de oito propostas distintas para todas as idades que animarán as rúas, os locais sociais, o auditorio do Pazo e as parroquias do rural ata o venres 24 de decembro.
Este martes 21 a programación chegou a partir das 18.00 horas coa visita dun Apalpador e unha Apalpadora xigantes para percorrer a rúa Eduardo Pondal.
Este mércores, 22 de decembro, o Pazo da Cultura acollerá o tradicional concerto de Nadal da Banda de Música de Salcedo a partir das 20.30 horas.
O xoves, 23 de decembro, está previsto o espectáculo Frosty en Rosalía de Castro a partir das 12.00 horas, o espectáculo Vaia Frío! no local social do Gorgullón ás 17.00 horas; o concerto de Nadal de Xeración Sónica ás 19.00 horas na Praza de Ourense e o tradicional concerto da Banda de Música de Pontevedra ás 20.30 horas no Pazo da Cultura.
O día de Noiteboa as propostas de Nadal trasládanse ás parroquias. En Ponte Sampaio estará o espectáculo Burbullas do Nadal a partir das 16.30 horas no Local Social e na Casa da Cultura de Cons-Mourente volverá a representarse Vaia Frío! a partir das 17.00 horas.