O goberno municipal de Pontevedra asegura estar satisfeito co resultado que está a dar o coñecido como 'coche de punto', o servizo de transporte a demanda habilitado para viaxar entre as parroquias do rural e o centro da cidade.
"Agás un par de meses, a cifra semella bastante estabilizada", explicou o edil responsable da área municipal de mobilidade, César Mosquera, cunha media de 170 viaxes mensuais.
Así, desde a súa posta en marcha en outubro de 2024, foi novembro o mes de maior uso (209 viaxes), seguido de febreiro (181), decembro (177), maio (175) e xuño (170).
Pola contra, abril -probablemente pola Semana Santa- é o período no que houbo menos usos (137), seguido de outubro (152), xaneiro (160) e marzo (169).
Estas son, matizou Mosquera, as cifras de viaxes e non de usuarios ou usuarias que se realizaron ao longo dos últimos meses, xa que os pasaxeiros poden compartir o seu traxecto.
En canto ao custe que supón todo isto para o Concello, que subvenciona gran parte do prezo deste servizo, o concelleiro explicou que, por exemplo, no mes de xuño, foron 1.506 euros.
A este ritmo, ao final de ano, a subvención para o 'coche de punto' será duns 20.000 euros.
Desde o goberno municipal insisten en que non existía ningún obxectivo concreto no referido a cifras, senón que a idea era poder ofrecer un servizo que cubrise unha necesidade concreta, como é a de facilitar a conexión entre as parroquias e a cidade.
Isto debe ser así, engadiu César Mosquera, cando os usuarios non dispoñen doutro tipo de medio de transporte, sexa familiar, social ou público, para atender necesidades puntuais.
"Pagou a pena todo o esforzo para botar a andar este servizo", sentenciou Mosquera.
A partir de agora analizaranse estes datos polo miúdo para estudar posibles cambios no funcionamento deste transporte a demanda ou ampliar a súa oferta, entre outros incluíndo posibles paradas ou "puntos de recollida" para fomentar o uso compartido.