Rocío Cochón, portavoz do grupo municipal do PP de Poio, arremete contra as emendas que o BNG presenta ao proxecto de orzamento municipal.
Argumenta que "despois de estar 28 anos no goberno son unha falta de respecto aos veciños de Poio", indica a popular #ante as propostas do grupo nacionalista de Marga Caldas.
Desde as filas populares sinalan que o goberno de Ángel Moldes leva ao pleno deste mércores un orzamento de 14,7 millóns de euros no que se reflicten unhas contas "realistas, responsables e prudentes", segundo Cochón.
Indica que é un documento "de transición" coa intención de sanear as arcas municipais e critica o goberno anterior do estado en que deixou as contas municipais.
"Presentar esas emendas seis meses despois de abandonar un goberno no que estiveron case tres décadas, e tras deixar a Poio como o concello coa débeda máis alta da provincia, é unha verdadeira tomadura de pelo", manifesta Rocío Cochón.
Explica que a baixada de impostos prometida por Moldes será unha realidade e que varias das modificacións que solicita o BNG "non cumpren os requisitos legais, mentres que outras nin sequera dependen da aprobación dos orzamentos". Este 27 de decembro vai desenvolverse o debate plenario no Concello de Poio.