Cogami imparte en Cuntis un curso de expendedor de combustible para 12 persoas con discapacidade

Umia
04 de outubro 2022

O curso forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo.

Cogami organiza un curso de expendedor de combustible en Cuntis
Cogami organiza un curso de expendedor de combustible en Cuntis / COGAMI

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou nas instalacións do centro de formación ocupacional de A Ran, no Concello de Cuntis, un curso de expendedor de combustible no que se están a formar doce persoas con discapacidade recoñecida ou incapacidade laboral para a profesión habitual.

Esta formación é unha das accións que promove o programa Máis Emprego que financia Obra Social “La Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo, co fin de ofrecer oportunidades para poder acceder ao mercado de traballo por primeira vez ou para lograr a reciclaxe profesional.

As persoas que iniciaron o curso proceden dos concellos de Pontevedra, Marín, Cuntis, A Estrada, Moraña, Barro, Portas, Lalín e Silleda, con idades comprendidas entre os 33 e os 51 anos. Todas asistirán a unha formación que comprende na totalidade 100 horas de duración, divididas nunha parte teórica de 30 horas, na que se inclúe o curso de manipulador de alimentos para facilitar as adquisición de habilidades e competencias necesarias para o desenvolvemento do posto.

O resto, un total de 70 horas, serán prácticas que se realizarán en empresas da súa zona de residencia habitual, de cara a facilitar o contacto co tecido empresarial da contorna de busca de emprego, o que pode facilitar a súa inserción.