Coidadoras, as mulleres que Marín homenaxeará o 8M

Marín
27 de xaneiro 2020

O Consello da Muller decidíu este luns que serán as mulleres que se encargan dos coidados, en calquera ámbito e situación, ás que se lle adique esta celebración. O acto institucional será nese segundo domingo de marzo, ás 13.00 horas, na Praza 8 de Marzo

Consello Municipal da Muller de Marín
Consello Municipal da Muller de Marín / Concello de Marín

O Consello Municipal da Muller de Marín, formado por representantes dos partidos políticos, con persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM) e de Servizos Sociais, ademais de integrantes de asociacións veciñais e de mulleres, mantiñan un encontro este luns no que decidían que as coidadoras serán as protagonistas na vila dos actos conmemorativos do 8 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.

A intención do Consello é que a homenaxe se dedique ás coidadoras nun sentido amplo, tanto a aquelas mulleres que coidan de familiares, de persoas dependentes ou das que traballan fóra de casa ou ás que son amas de casa e contan cunha persoa ao seu cargo á que teñen que atender. A concelleira de  Benestar Social, Marián Sanmartín, indica que se quere englobar a todos os perfís dentro do termo "coidadoras".

O acto institucional vai levarse a cabo o segundo domingo de marzo na praza 8 de Marzo a partir das 13.00 horas. En caso de choiva, o evento trasladaríase ás instalacións do Concello. 

Os actos con motivo desta conmemoración iniciaranse o 5 de marzo coa repartición das cuncas cunha viñeta do ilustrador gráfico Luis Davila, tal e como vén sucedendo durante os últimos anos.

As participantes no Consello tamén  analzaron a declaración institucional achegando as súas propostas. Está previsto que na lectura do documento se inclúan datos sobre a historia que se atopa tras esta conmemoración do 8 M e vai expoñerse a situación actual da muller na vila de Marín, en relación coa actividade laboral e coa repartición de tarefas domésticas e de coidado, reclamando unha maior responsabilidade e igualdade entre homes e mulleres.