Colaboración entre a Universidade de Vigo e AJE para impulsar proxectos de economía social

Pontevedra
26 de febreiro 2021

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, reuníase co presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, para concretar o proxecto conxunto co que concorren ao programa de axudas da Xunta para entidades colaboradoras da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social

Henrique Torres, Jorge Soto e Jesús Rey, na sede da Vicerreitoría
Henrique Torres, Jorge Soto e Jesús Rey, na sede da Vicerreitoría

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra) traballan conxuntamente no deseño de actividades que contribúan a difundir o potencial do emprendemento no eido da economía social nos ámbitos de coñecemento do Campus Crea.

Nun proxecto conxunto concorren ao programa de axudas para entidades colaboradoras da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social.

No caso de que a proposta sexa seleccionada na convocatoria desta rede impulsada pola Xunta de Galicia, esta colaboración materializaríase "nunha acción moi importante para ambas institucións", declaraba ao Diario da Universidade de Vigo (DUVI) o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, trala reunión mantenida co presidente de AJE-Pontevedra, Jesús Rey, e o xerente da asociación, Henrique Torres.

Nese senso, o vicerreitor puxo en valor a importancia que para a institución académica ten "fomentar sinerxías que favorezan traballar conxuntamente co tecido empresarial da provincia".

Soto sinalou neste punto que un dos obxectivos da institución académica é contribuír a "impulsar e favorecer, na medida que poidamos, o talento empresarial e a proxección dos empresarios e emprendedores", partindo da idea de que boa parte dese "talento novo atópase na universidade".

No caso de que a proposta sexa finalmente seleccionada, entre a serie de actividades que as dúas entidades pretenden impulsar atópase un concurso de ideas empresariais dirixido ao alumnado del campus, un premio para novos empresarios e empresarias que traballen no eido da economía social, fomento de accións formativas ou a organización dunha feira dirixida a dar visibilidade a boas prácticas de economía social.