Colas de dez minutos para entrar nos supermercados do centro da cidade

Pontevedra
17 de marzo 2020

Os andeis das tendas de alimentación ofrecen ampla variedade da maior parte dos produtos de primeira necesidade, pero algúns, como o papel hixiénico, segue escaseando

Continúa a corentena: colas en supermercados e farmacias, policía nas rúas
Continúa a corentena: colas en supermercados e farmacias, policía nas rúas / Diego Torrado

A corentena continúa e as provisións dos fogares comezan a esgotarse. Chega a hora de repoñer. Sen a tolemia nin as compras compulsivas que reinaron cando explotou a alerta sanitaria, os pontevedreses acoden con orde e en solitario a realizar as súas compras. Nas portas dos supermercados, os gardas de seguridade encárganse de regular o acceso para evitar aglomeracións. Mentres, ás portas, esperan os clientes na cola pero a máis de metro e medio de distancia.

É unha escena que no que vai de semana está a vivirse de forma recorrente na maior parte dos establecementos de alimentación. E no interior, o abastecemento da maior parte dos produtos de primeira necesidade está garantido. Aínda que algúns produtos segues escaseando. Segue sendo sorprendente o que ocorre co papel hixiénico, cos andeis baleiros. Algo similar ocorre co xabón de mans, a comida de mascotas ou os ovos.

"A cousa está máis normalizada que nos primeiros días, que foi de tolos. Pero o do papel hixiénico non o entendemos", recoñece unha das caixeiras unha cadea de supermercados pontevedresa, que admite tamén que a razón pola que carecen dalgúns produtos débese a que "o camión de repartición aínda non chegou hoxe".

Na vía pública a corentena segue sendo notable. Rúas practicamente baleiras patrulladas por axentes da Policía Nacional ou Local para velar que a cidadanía non incumpre as normas: só pódese saír por traballo, para facer compras de primeira necesidade ou por casos de forza maior. Así llo fan saber a moitos peóns que parecen saír de paseo.