Colas madrugadoras para viaxar co Imserso

Pontevedra
27 de outubro 2023

Os acreditados preferentes tiveron a oportunidade de reservar as súas viaxes este xoves, mentres que hoxe venres abriuse a venda para os non preferentes, polo que se formaron colas nalgunhas axencias de viaxes

Cola de xente nunha axencia de viaxes
Cola de xente nunha axencia de viaxes / PontevedraViva

O Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) puxo en marcha este xoves a venda do seu esperado programa de turismo social en once comunidades autónomas de España, entre elas a de Galicia marcando así o comezo da tempada 2023-24. 

Os acreditados preferentes tiveron a oportunidade de reservar as súas viaxes este xoves, mentres que hoxe venres abriuse a venda para os non preferentes, polo que se formaron colas nalgunhas axencias de viaxes.

Aínda que as reservas poden facerse a través de internet, será pola chamada fenda dixital que a maioría dos usuarios continúan preferindo ser atendidos nas axencias.

Os prezos das viaxes variarán dependendo da zona, o tipo de transporte, a duración da viaxe e o tipo de aloxamento.

Por exemplo, as estancias de 10 días (9 noites) na zona costeira peninsular con transporte terán un custo de 290,07 euros, mentres que as estancias de 8 días custarán 228,93 euros. Para Baleares con transporte, 331,49 euros e sen transporte de 253,7 euros. Para as viaxes ás Illas Canarias con transporte, as estancias de 10 días serán de 435,95 euros.

Nunha consulta rápida entre os pensionistas que facían cola este venres pódese comprobar que o destino favorito son as illas, con preferencia do Mediterráneo sobre as Canarias.