Colectivos antitaurinos censuran o acceso de menores á becerrada programada o 3 de agosto en Pontevedra

Pontevedra
07 de xullo 2019

A plataforma Galicia Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber alertan sobre a proposta de acceso de balde para nenos desde os 12 anos, tal e como figura na normativa autonómica, ao considerar que incumpre as recomendacións emitidas polo Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas

Capea na praza de touros de Pontevedra
Capea na praza de touros de Pontevedra / Diego Torrado

A plataforma Galicia Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber alertan sobre a proposta de acceso gratuíto para nenos desde os 12 anos na  becerrada programa o día 3 de agosto en Pontevedra.

Segundo estes colectivos, a entrada de menores incumpre as recomendacións emitidas polo Comité dos Dereitos do Neno de Nacións Unidas con data 8 de febreiro de 2018, xa que o organismo independente da ONU recomendou a España unha revisión da súa normativa para impedir o acceso de persoas menores de idade a este tipo de eventos, tanto como participantes directos, como sería o caso das escolas taurinas, como en forma de espectadores.

Con todo, explican, a administración autonómica non se adaptou a esta recomendación, xa que a Lei de Espectáculos Públicos establece o veto nos 12 anos.

Neste sentido os antitaurinos avanzan que interpelarán á Valedora do Pobo para coñecer a súa posición respecto diso.

Para concluír, Galicia Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber cualifican a becerrada como "un espectáculo dantesco"  sinalando a "cantidade de sufrimento que se infrinxe a animais de moi curta idade".