Colectivos de pensionistas concéntranse o sábado en defensa dos servizos sociais

Pontevedra
12 de decembro 2018

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) e a Coordinadora Estatal en Defensa das Pensións Públicas fan un chamamento aos pontevedreses a que secunden a súa próxima protesta, unha concentración prevista para as 12.00 horas do sábado 15 na praza de España 

Presentación da concentración en defensa dos servizos públicos
Presentación da concentración en defensa dos servizos públicos / PontevedraViva

O Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) e a Coordinadora Estatal en Defensa das Pensións Públicas fan un chamamento aos pontevedreses a que secunden a súa próxima protesta, unha concentración convocada para este sábado 15 de decembro que, como novidade, "abre o abano" das súas reivindicacións e sae en defensa de todos os servizos públicos. 

Os dous colectivos convocantes fixeron extensiva a convocatoria a outras entidades pontevedresas que traballan no ámbito dos servizos sociais, que xa lles trasladaron o seu apoio e cos que, de feito, xa levan traballando bastantes meses nunha estratexia de loita conxunta. 

Victoria Portas e Manuel Alfonsín, de Modepen, presentaron este mércores esta concentración, prevista para as 12.00 horas do sábado 15 na praza de España e que se realizará de xeito simultáneo en 25 cidades e vilas galegas e unas 150 de toda España. entre elas, Vigo ou Cangas.

Os voceiros de Modepen explicaron que esta protesta será a primeira na que seguirá a que xa será a súa estratexia de traballo de cara ao ano 2019, unha defensa xenérica dos servizos sociais que se fai necesaria "dadas as circunstancias que estamos a vivir, os recortes continuados en sanidade, os recortes continuados en educación, en dependencia..." e tamén "á vista de que os orzamentos de 2019 non queren ser aprobados polo arco parlamentario".

"Non queremos parcelar a loita da clase obreira", defende Victoria Portas, que tamén avanza que durante o próximo ano 2019 desde estes dous colectivos de pensionistas "non estamos dispostos a que siga sucedendo o mesmo que en 2018, que nos limitemos ao conflito en Cataluña mentres o resto da cidadanía pasa fame e situacións de subsistencia que non se poden seguir asimilando".

Respecto disto destacan que neste momento "a prioridade da cidadanía é comer e vivir e iso son servicios sociais" mentres que a clase política deste país "quere tapar directamente con conflictos como o de Cataluña, que nada ten que ver co resto do territorio", de maneira que desde os seus colectivos anuncian que van "seguir metendo presión".

Manuel Alfonsín quixo advertir que a situación que se está a xerar pode derivar en acontecementos como o que está a suceder estes días en Francia. Aínda que confían en que non chegue tal momento "porque nós non somos violentos, non temos ganas de facer follóns", si chama a atención sobre a posibilidade de que sexa realidade en España ou calquera outro país.