Colectivos de Raxó detectan anomalías na execución das obras da Rúa da Praia

Poio
16 de xaneiro 2024

Reclaman que se executen as conexións de augas pluviais como viñan recollidas no proxecto consensuado entre Portos de Galicia, Concello de Poio e colectivos sociais da parroquia. As persoas afectadas indican que os entronques están a ser "anomalamente obviados" incumprindo o acordo establecido

Obras na Rúa da Praia en Raxó
Obras na Rúa da Praia en Raxó / Concello de Poio

A Sociedade Cultural Deportiva Raxó reuniuse nas últimas horas con representantes da asociación veciñal A Laxe e co colectivo Movemento por Poio ante a situación que están a detectar de "importantes deficiencias" na execución das obras de humanización que se acometen na Rúa da Praia, na parroquia de Raxó, en Poio.

Denuncian que os entroncamentos están a ser "anomalamente obviados" nas canalizacións das augas pluviais, unha situación que provoca malestar entre a veciñanza afectada.

Por este motivo, a SCD Raxó emitiu un escrito reclamando que se executen as conexións de augas pluviais nas condicións establecidas no proxecto que fora acordado entre Portos de Galicia, o Concello de Poio, durante o anterior mandato, e os colectivos sociais e veciñais.

Lembran que o importe das acometidas, como de todos os servizos de titularidade municipal, corren a cargo do Concello de Poio que, "por imposición" de Portos de Galicia, asume o 30% do investimento total desta obra que ten como obxectivo humanizar toda esta contorna. 

Estes traballos conforman a segunda fase das obras executadas na Rúa Ramón Encinas, antes do acceso ao Porto de Raxó. Durante estes días, toda a vía atópase pechada ao tráfico e só está permitido o acceso peonil.

PORTOS DE GALICIA

Desde Portos de Galicia indican que os entronques van ser resoltos en breve prazo de tempo porque a obra aínda está nunha fase incipiente.

Apuntan a que este tipo de situacións se rexistran cando hai canalóns que non aparecían recollidos no proxecto inicial, pero que está previsto darlle solución durante os traballos.

O ente público garante que se resolverán estas incidencias que denuncian os colectivos de Raxó e envían unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza indicando que os traballos van executarse seguindo o proxecto inicial, acordado co Concello de Poio, que contempla as conexións de augas pluviais.