Colectivos feministas convocan formalmente os actos do próximo 25N en Pontevedra

Pontevedra
31 de outubro 2023

O acto principal na capital provincial convocado polo Colectivo Femenista de Pontevedra e a agrupación 'FULANAS' será a manifestación prevista ás 20.30 horas con saída desde a Praza da Peregrina baixo o lema "Contra as violencias machistas, loita feminista"

Concentración polo 25N
Concentración polo 25N / Mónica Patxot

O próximo 25 de novimebre será unha nova data de reivindicación feminista na Boa Vila.

O Colectivo Feminista de Pontevedra e o colectivo transfeminista 'FULANAS' confirmaron a convocatoria dos actos e manifestacións previstas para esa xornada, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Segundo explicaron ambas as organizacións nun comunicado, o Colectivo Feminista "alza a súa voz e denuncia que o goteo de mulleres asasinadas no que vai de ano é incesante, ao igual que os numerosos casos denunciados de manadas de adolescentes que cometen violacións grupais". Pola súa banda 'FULANAS' pon o foco "nas violencias machistas sofridas tanto en mulleres como nas persoas diversas por afastarse da heteronorma capacitista".

En canto aos actos previstos, o principal será unha manifestación que partirá o 25 de novembro ás 20.30 horas desde a Praza da Peregrina.

Ademais instalarase unha mesa informativa sobre as violencias estruturais na propia Praza da Peregrina a partir das 18.00 horas.