O colector do Gafos entre Otero Pedrayo e a estación de autobuses sairá da canle do río

Pontevedra
18 de xuño 2026

As obras permitirán retirar 360 metros de tubaxe da canle do río Gafos, resolvendo así as recorrentes verteduras que se rexistran na zona

Colector do Gafos detrás da estación de autobuses
Colector do Gafos detrás da estación de autobuses / Concello de Pontevedra

Pór fin ás verteduras na contorna da estación de autobuses. É o obxectivo da nova intervención que o Concello realizará no río Gafos.

Será, en concreto, no tramo que discorre entre a Rúa Otero Pedrayo e a propia dársena de autobuses. Alí, o colector de saneamento sacarase da canle do río.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que os temporais do inverno causaron graves danos no colector, sobre o que caeron varias árbores, agravando desde entón as verteduras na zona.

O proxecto, acordado con Augas de Galicia e cos propietarios das parcelas lindeiras, suporá un investimento de 752.000 euros.

As obras permitirán retirar 360 metros de tubaxe da canle do río Gafos, creando novas canalizacións de PVC polos terreos anexos.

Ademais, prevese construír un novo pozo de saneamento.

O colector será trasladado cara ao bordo do río e, posteriormente, conectarase cos tramos que xa foran apartados durante as obras da estación de autobuses.

Esta actuación, que se tramita pola vía de emerxencia, arrancará tan pronto reciban a comunicación oficial da autorización de Augas de Galicia.

AVANCES EN ERNESTO CABALLERO

O alcalde, por outra banda, tamén informou dun novo acordo para a expropiación de tres terreos destinados á futura zona verde situada entre a vía do tren e a Rúa Ernesto Caballero.

Trátase dun acordo cun único propietario para a adquisición das parcelas número 8, 9 e 10, que suman unha superficie conxunta de 850,39 metros cadrados. O custo total desta operación ascende a uns 242.000 euros.

Con esta nova compra, o Concello xa é titular de 5.345,79 metros cadrados, o que representa o 72,69% dos 7.353,43 metros cadrados que conformarán a totalidade da nova zona verde.

Quedan pendentes de adquirir uns 2.000 metros cadrados distribuídos en cinco parcelas (o número 1, 3, 4, 6 e 7).

Dous destas propiedades atópanse nunha fase de negociación "avanzada", mentres que as tres restantes presentan maiores dificultades técnicas debido a problemas cos propietarios ou herdanzas sen partir.

O orzamento total estimado polo Concello para este proxecto, sumando as expropiacións e a posterior execución do parque, supera os 3 millóns de euros.