Ao colexio sen malos fumes

Pontevedra
08 de setembro 2025
Actualizado: 9:23

A Asociación Pedaladas impulsa a actividade "Ao Cole sen Fumes" para medir a calidade do aire nas contornas escolares de Pontevedra.

Escolares con mochilas
Escolares con mochilas / Mónica Patxot

A Asociación Pedaladas pon en marcha unha proposta educativa e divertida: a actividade "Ao Cole sen Fumes", que se celebrará o luns 22 de setembro dentro da Semana Europea da Mobilidade.

Esta iniciativa forma parte do proxecto "Cycling with Clean Air", impulsado pola coordinadora estatal ConBici, e ten un dobre obxectivo: concienciar á comunidade escolar sobre a importancia do aire limpo e fomentar unha mobilidade máis sostible.

Durante esta xornada, o alumnado participará nun obradoiro interactivo onde aprenderán a utilizar un medidor de calidade do aire (AirBeam3).

Con este dispositivo, poderán comprobar por si mesmos o nivel de contaminación (partículas PM) que hai no ambiente mentres van ao cole camiñando ou en bicicleta.

A actividade realizarase en colexios do centro urbano de Pontevedra e permitirá comparar os niveis de contaminación entre un día lectivo (luns 22) e un día con pouco tráfico (domingo 21), ofrecendo unha imaxe real do que respiran cada día.

A Asociación Pedaladas convida a todas as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (AMPAs) interesadas a sumarse á iniciativa.

Ademais do taller, terán acceso aos resultados do estudo e a futuras sesións formativas sobre mobilidade e saúde ambiental.

Con sede en Pontevedra, a Asociación Pedaladas traballa para promover unha mobilidade activa, saudable e sostible, apostando polo uso diario da bicicleta. Organiza actividades lúdicas e colabora con institucións para impulsar cambios reais na forma en que nos movemos pola cidade.