A estatua de Colón ubicada dende 1949 nos Xardíns de Vicenti de Pontevedra será sometida a un lifting completo. Non quedará máis delgada, pero cos traballos de restauración que recibirá a partir dos vindeiros días lucirá un aspecto completamente renovado.
O primeiro paso a dar será limpar as colonizacións do propio Colón. Este xogo de palabras empregouno este mércores o concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, ao presentar a actuación, pois sinalou que "Colón está colonizado por algas, líquenes e outros depósitos como excrementos de aves". Todo se limpará.
A segunda fase será o selado de fendas da mármore de Carrara coa que está feita a peza e a revisión de selados anteriores. Despois chegará a desalación, dado que se detectaron distintas sales pola súa situación ao aire libre.
A cuarta fase será a consolidación da superficie da estatua que está deteriorada a través dun roduto nanoconsolidante deseñado pola Universidade de Cádiz e a quinta a reposición da man. Neste punto houbo certas dúbidas por parte dos técnicos, dado que algúns son partidarios de colocala pero outros non. Non se trata da peza orixinal e á estatua fáltanlle outras pezas como o nariz ou a cruz do estandarte, pero finalmente reporase.
A limpeza do pedestal e os graffitis que ten será a última tarefa, pero os traballos requerirán un informe técnico da empresa para o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Patrimonio.
Bará: "Colón está colonizado por algas, líquenes e outros depósitos como excrementos de aves"
Os traballos comezarán, previsiblemente, a vindeira semana e teñen un prazo de execución de dous meses. Acometeraos a empresa Tomos por 6.670,73 euros e teñen xa o visto bo dos técnicos de arqueoloxía municipais (que supervisarán todo proceso) e os permisos da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura. Para iso non se moverá da súa ubicación actual, senón que se instalará andamios na zona e se traballará alí.
Este completo lifting comezou como un proxecto do Concello para repoñer a man da estatua que, logo de tres décadas desaparecida, apareceu hai dous anos da man dun cidadán anónimo que a entregou nas oficinas do xornal Faro de Vigo. Logo da localización da man encargáronse informes ao servizo de Aquivo histórico do Concello e á Escola de Restauración de Pontevedra. Froito deses estudos, decidiuse optar por esta remodelación integral da estatua.
Os restauradores verificaron que a man que se localizou en setembro de 2011 non era a orixinal da estatua, senón xa a terceira dende que o escultor José Sanmartín a talou a finais do século XIX. A orixinal estaba aberta e esta terceira aparece pechada e leva un pergameu.
A estatua permanecía nos xardíns do Pazo de Lourizán e trasladouse a Pontevedra en 1949 a petición do Concello. Nese momento a Deputación cedeu a súa custodia ao Concello, de maneira que aínda que pertence á institución provincial é o Goberno local o que ten que encargarse do seu coidado e mantemento.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.