A Praza da Chousa, en Combarro (Poio) acolle este domingo a campaña itinerante de concienciación cidadá para promover un turismo seguro, que emprende a Xunta de Galicia. Esta caravana desprazarase o martes e o mércores á Alameda de Pontevedra.
No interior deste espazo ofrécese información tanto a turistas como á poboación de lugar sobre os posibles destinos dentro de Galicia para descansar durante uns días con todas as garantías de seguridade.
Esta unidade móbil funciona a modo de oficina de turismo e profesionais de información turística explican os recursos cos que conta a comunidade como o Camiño de Santiago, paisaxes, posibilidades enogastronómicas ou valores do patrimonio cultural.
Esta iniciativa percorrerá nas próximas xornadas outros municipios da provincia de Pontevedra como, entre outros, Sanxenxo, O Grove, Cambados ou Vilagarcía de Arousa. A campaña encádrase dentro do Plan de Reactivación do sector turístico aprobado no mes de abril coa intención de provomer Galicia como un espazo seguro, fomentando o consumo e xerando actividade que axude ao tecido empresarial.