Combarro pechará parte do seu centro histórico para a rodaxe de "Un asunto privado"

Poio
02 de decembro 2020

Poio activará este xoves 3 de decembro un operativo especial de tráfico na contorna do casco histórico de Combarro para permitir a rodaxe de Un asunto privado, a serie que Bambú Producciones está a rodar nas Rías Baixas para Amazon Prime

Combarro
Combarro / PontevedraViva

Poio activará este xoves 3 de decembro un operativo especial de tráfico na contorna do casco histórico de Combarro para permitir a rodaxe de Un asunto privado, a serie que Bambú Producciones está a rodar nas Rías Baixas para Amazon Prime.

Como consecuencia desta actividade, cortarase o tráfico e o tránsito peonil en varias zonas do núcleo entre as 9.30 e as 21.30 horas. Ademais, só se permitirá o acceso aos residentes. 

Na Avenida da Cruz, na PO-308, reservarase unha extensión duns 120 metros aproximadamente para o estacionamento exclusivo dos vehículos que traballan na rodaxe. 

O Concello pide a comprensión dos veciños en favor dunha iniciativa que axudará a dar un novo pulo a nivel internacional a un dos emprazamentos máis emblemáticos e importantes do municipio desde o punto de vista histórico e patrimonial.

Neste sentido, a concelleira de Turismo, Silvia Díaz, lembra que non é a primeira vez que o casco histórico de Combarro se converte temporalmente en escenario dunha rodaxe.

"O feito de que esta produción corra a cargo dun referente do sector audiovisual como Bambú, coas súas raíces en Poio, é para nós tamén un motivo de orgullo", destacou a edil de Turismo, Silvia Díaz.