Combarro quenta motores para celebrar medio século como conxunto histórico

Poio
27 de febreiro 2022

O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de febreiro, celebrada o pasado martes 22, o expediente correspondente á declaración do 50 aniversario da declaración no núcleo de Combarro como Conxunto Histórico

Casco histórico de Combarro
Casco histórico de Combarro / Mónica Patxot

O Concello de Poio non se esquece de que está de celebración. Este 2022 cúmprense 50 anos da declaración do núcleo de Combarro como Conxunto Histórico, o 30 de novembro de 1972, e, para conmemorar este medio século, avanzan na preparación dunha completa programación que será participativa e creativa.

O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria de febreiro, celebrada o pasado martes 22, o expediente correspondente á declaración do 50 aniversario da declaración no núcleo de Combarro como Conxunto Histórico.

Ademais, tal e como deu a coñecer o Concello, distintos departamentos municipais traballan xa na organización de todo tipo de actos. Traballan "de xeito conxunto, a todos os niveis" para desenvolver unha programación acorde co nivel do que consideran "un dos nosos maiores activos desde o punto de vista cultural, social e económico".

A programación durará meses e incluirá citas de carácter lúdico, deportivo, turístico, cultural, medio ambiental e histórico.

Desde o Concello destacan que Combarro é "un dos emprazamentos máis emblemáticos de todo o estado español", que ano tras ano recibe a un gran número de visitantes, ata converterse, despois de Santiago de Compostela, nun dos principais reclamos turísticos de Galicia en temporada estival.

O Concello destaca a importancia de celebrar este medio século e de aproveitar "unha gran oportunidade para dar un pulo ao futuro da vila, para poñela en valor e seguir mellorándoa, ao igual que a calidade de vida da veciñanza".

Para logralo, contrataron un estudo estratéxico sobre o núcleo da parroquia. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), vén de manter unha primeira reunión cos responsables da elaboración deste documento, que axudará a establecer prioridades de intervención á hora de reforzar cuestións como a protección de edificacións ou temas relacionados coa mobilidade. 

O Concello tamén presentou hai uns días o logotipo deseñado con motivo da conmemoración desta data histórica. O logo estará visible nas campañas, citas e programas que os departamentos municipais desenvolvan ao longo de todo o 2022.  

Desde o Goberno local están a impulsar accións, políticas e iniciativas que axuden a continuar poñendo en valor e mellorando un dos enclaves máis singulares do país e todo un referente a nivel turístico, cultural e patrimonial.

O concelleiro de Patrimonio referiuse ás actuacións a realizar na Praza da Fonte, onde se rexistraron danos na fonte de pedra existente na zona, como consecuencia dun golpe fortuíto efectuado accidentalmente por un automóbil. Xa remitiron á Dirección Xeral de Patrimonio toda a documentación e fotografías pertinentes e están pendentes da súa resposta.