Estrela de Marín, a asociación que agrupa aos principais comerciantes da vila, está de parabéns. Foi recoñecida nos Premios Nacionais de Comercio Interior 2025.
Estes galardóns, concedidos polo Ministerio de Economia, Comercio e Empresa, buscan recoñecer anualmente o labor dos concellos e dos pequenos comercios no desenvolvemento comercial e na mordernización do sector.
No caso de Estrela de Marín, foi galardoada cunha mención na categoría de centros comerciais abertos, segundo a comunicación oficial recibida pola entidade.
O premio destaca o labor desenvolvido en Marín na dinamización do comercio local, a creación de campañas innovadoras, a revitalización urbana e a capacidade de mobilizar á cidadanía arredor do comercio de proximidade.
Ese recoñecemento, destacan desde a entidade, supón un "impulso extraordinario" para o comercio de Marín e un aval ao "esforzo conxunto" dos establecementos, dos profesionais, das administracións e da veciñanza.
É o segundo premio que recibe este centro comercial aberto nos últimos anos, xa que o ano pasado a Xunta de Galicia distinguiu a campaña 'O Escaparate Estrela' como a mellor acción de dinamización comercial de toda a provincia de Pontevedra.
Desde Estrela de Marín avanzan que continuarán traballando en novas accións e campañas destinadas a fortalecer o tecido comercial e a consolidar Marín como referente en dinamización e comercio de proximidade.
A entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior 2025 celebrarase o 29 de abril, en Toledo, nun acto institucional que reunirá as iniciativas máis destacadas do sector a nivel estatal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.