Comerciantes, veciños e hostaleiros "víronse prexudicados" pola celebración de Pontebirra, asegura Zona Monumental

Pontevedra
20 de setembro 2021

A asociación asegura que o evento "non foi consensuado" e critica que "en toda a feira non había presenza de ningún empresario da cidade"

Feira de cervexa artesá Pontebirra na Ferrería
Feira de cervexa artesá Pontebirra na Ferrería / Cristina Saiz

A celebración da feira da cervexa artesá Pontebirra converteuse nun gran polo de atracción para os pontevedreses durante a fin de semana, con momentos nos que se rozou o máximo aforo permitido.

Con todo o seu éxito de asistencia motivou este luns un escrito de queixa do Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental en representación de comerciantes e hostaleiros do centro histórico.

"Queremos manifestar o noso total apoio á feira da cervexa artesá Pontebirra, a condición de que fose realmente unha feira de cervexa artesá, pero como non foi así, queremos comunicar á Corporación Municipal os seguintes matices", explica a asociación.

Entre eses matices atópase en primeiro lugar a presenza de 'foodtrucks' de comida realizando labores de restauración prexudicando á hostalería da zona. "No canto de tentar atraer o publico cara aos seus locais, promociónase un evento, de xeito evidente hostaleiro, no centro da Ferrería", defende o CCU.

"Non foi consensuado, nin con veciños, comerciantes e hostaleiros que se viron prexudicados por este evento", denuncian no comunicado, co agravante de tratarse dun evento que a diferenza doutros similares realizados na cidade onde o fin é recadatorio para clubs deportivos, contaba cun beneficiario privado e "en toda a feira non había presenza de ningún empresario da cidade".

Zona Monumental asegura ademais que a ocupación da praza impedía unha fluída circulación cara aos locais da rúa San Román, e que o horario de apertura ata a 1.00 da madrugada contrasta coa obrigación por exemplo aos ocupantes da primeira planta do Mercado de pechar ás 23.00 horas.

Por último critican que "en ningún momento controlouse o aforo ao recinto", máis aló de solicitar un nome e un número de teléfono á entrada.