O comercio local da Boa Vila lanza dúas campañas que queren encher de vida as rúas

Pontevedra
22 de novembro 2025

Co lema "Se mercas local, o teu concello segue vivo", a campaña pretende lembrar o papel esencial do pequeno comercio como motor económico e social da cidade

Reunión da concelleira con representantes de Pont Up Store, AJE Pontevedra, AEMPE e CCU Zona Monumental Concello de Pontevedra

Nova ofensiva para reforzar o comercio de proximidade da Boa Vila en pleno auxe das grandes campañas do Black Friday.

A iniciativa, bautizada como "Eu merco local", foi presentada este venres pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, tras unha reunión cos representantes de Pont Up Store, AJE Pontevedra, AEMPE e CCU Zona Monumental.

Co lema "Se mercas local, o teu concello segue vivo", a campaña pretende lembrar o papel esencial do pequeno comercio como motor económico e social da cidade.

É unha acción que responde ao compromiso do Concello co desenvolvemento do comercio local, "fundamental para manter o tecido socioeconómico de Pontevedra", subliñou Gulías.

A iniciativa comezará a difundirse entre esta semana e a vindeira. Durante os días 27, 28 e 29 de novembro, os establecementos adheridos entregarán materiais promocionais para convidar á cidadanía a participar nunha acción colectiva que reivindica o valor de confiar no comercio de proximidade.

O material gráfico tamén poderá recollerse na Oficina de Turismo da Praza de España, no Concello e descargarse a través do enlace da web municipal.

"Apostar polo comercio local é apostar por Pontevedra: polas súas rúas, polos seus negocios e polas persoas que dan vida á cidade", lembrou a edil, animando á veciñanza a sumarse á campaña.

Presentación da campaña 'O teu Nadal, a nosa vida'    Concello de Pontevedra

"O TEU NADAL, A NOSA VIDA"

Xunto a esta iniciativa, o Concello colabora un ano máis con AEMPE na campaña "O teu Nadal, a nosa vida", que estará activa entre o 24 de novembro e o 30 de decembro. O obxectivo é incentivar as compras de Nadal a través de premios directos á clientela.

A concelleira Anabel Gulías destacou que AEMPE leva anos facendo unha campaña moi exitosa, na que non só gañas por comprar local, senón que entras no sorteo de numerosos premios. "Queremos que mercar no comercio de proximidade sexa un motivo de orgullo", dixo.

Pola súa banda, a representante da directiva de AEMPE, Marga Caeiro, detallou que a campaña dispón de 6.000 euros en premios, que van dos 50 aos 500 euros, repartidos en 87 premios, con tres sorteos diarios. Os premios de maior contía sortearanse o último día.

Para participar, só é necesario rexistrarse na web de AEMPE empregando a tarxeta que os comercios adheridos entregan con cada compra. A campaña está aberta a todos os establecementos da cidade, aínda que só os adheridos poden facilitar os códigos.

As bases completas poden consultarse na web oficial da iniciativa.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora