Un total de 34 empresas dos sectores comercial e turístico de Soutomaior participan no proxecto de Experiencias no Camiño de Santiago, unha iniciativa que supón o inicio da colaboración entre o sector público e o sector privado no municipio.
O proxecto ten como obxectivo promover o desenvolvemento local e potenciar o turismo en Soutomaior e procura iniciar a consolidación de Soutomaior como un destino atractivo, en particular para os peregrinos.
O proxecto, liderado desde a Concellaría de Turismo, implica a creación dunha rede colaborativa e o establecemento de sinerxías entre aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades, comercios e outros servizos.
Á hora de potenciar este proxecto, o Concello destaca que o crecente número de peregrinos que percorren Soutomaior a través do Camiño Portugués pola Costa constitúe unha oportunidade para aumentar a pegada económica do turismo no municipio.
Entre as principais accións do proxecto figura a promoción conxunta dos servizos turísticos e a creación de experiencias completas dirixidas aos peregrinos.
Tamén se realizaron traballos de apoio aos emprendedores locais para mellorar a competitividade do sector e fomentáronse as sinerxías mediante asistencias técnicas individuais e xornadas colectivas.
A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, destaca que este proxecto é "un primeiro paso fundamental para transformar Soutomaior nun referente turístico".
Segundo a concelleira, a colaboración entre empresas locais "permitirá ofrecer unha experiencia única a quen nos visite, ao tempo que dinamizamos a nosa economía".
Cernadas insistiu no compromiso do Goberno local con "maximizar os efectos positivos do Camiño de Santiago e tratar de que repercutan nas empresas locais, do comercio e turísticas do concello".