Comeza a ampliación do cemiterio de Bueu, que terá 108 novos nichos e 52 columbarios

Bueu
12 de maio 2022

O alcalde de Bueu e concelleiro de obras e servizos, Félix Juncal, e o arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa, visitaron esta semana as obras. O acceso dende a entrada principal quedará restrinxido, polo que o acceso ao cemiterio será dende o tanatorio

Félix Juncal e Alfredo de la Campa, no cemiterio
Félix Juncal e Alfredo de la Campa, no cemiterio /

O Concello de Bueu confirma que esta semana comezaron as obras de mellora do cemiterio, que permitirán dotar esta instalación con 108 novos nichos, 52 columbarios e 27 cinseiros.

O alcalde de Bueu e concelleiro de obras e servizos, Félix Juncal, e o arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa, visitaron esta semana as obras, que suporán a ampliación en dous bloques situados a ambos lados da porta principal.

A empresa Construcciones Castro Figueiro é a encargada de levar a cabo esta obra, que conta cun orzamento de adxudicación de 84.144,72 euros, IVE engadido, e que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. 

Juncal explica que o obxectivo é recuperar unha zona degradada e mellorar a imaxe do camposanto no pórtico de entrada e cos pavimentos. Por iso, ademais da ampliación dos nichos, a actuación permitirá pavimentar os accesos á zona, o arranxo do muro perimetral e o reforzo do pórtico de entrada coa substitución do portal actual.

Así mesmo, con esta obra extraeranse os tocóns existentes e pavimentarase a rúa, incluíndo unha beirarrúa de 80 centímetros de acceso aos nichos, tal e como consta no proxecto técnico. 

Debido ás obras, dende o Concello avísase á veciñanza de que o acceso dende a entrada principal quedará restrinxido, polo que o acceso ao cemiterio será dende o tanatorio.