Comeza a campaña de verán na praia fluvial de Ponte Caldelas con calidade "excelente" das augas

Ponte Caldelas
27 de xuño 2014

A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, conta coa valoración máxima, equiparable aos parámetros que teñen que cumprir os areais costeiros co distintivo de calidade "Bandeira Azul"

Praia fluvial de Ponte Caldelas
Praia fluvial de Ponte Caldelas

A praia fluvial da Calzada en Ponte Caldelas contará durante o mes de xullo e agosto cun posto de socorrista, encargado de velar pola seguridade dos usuarios. Durante estes días iniciouse a campaña estival, despois de que os operarios do Concello limpasen e acondicionasen a zona lúdica para a práctica de deportes, o parque infantil e o biosaudable.

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, mostrouse satisfeito polo resultado da analítica de augas practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza a Consellería de Sanidade que indica que a calidade das augas é "excelente". Dende o ano 2001 sempre obtiveron este calificativo e corrobora o seu bo estado.

Os resultados da analítica expóñense no taboleiro de anuncios situado na propio recinto para que sexan consultados polos usuarios. Renóvase cada 15 días e os resultados poden ser consultados a través da web da Consellería de Sanidade.

Esta praia encóntrase situada ao final de paseo fluvial e conta con aparcadoiro e espazos para o paseo, ademais de tratarse dunha zona habitual para a práctica da pesca deportiva.