Comeza a colocación do novo céspede artificial do campo de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
13 de agosto 2019

A empresa adxudicataria, Mecano Sport, agarda ter rematados os traballos para o inicio da tempada, "ese será o obxectivo, que o 8 de setembro a SCD Ponte Caldelas teña o campo listo, co novo céspede colocado", afirmou nesta xornada o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz

Campo de futbol de Chan da Barcia
Campo de futbol de Chan da Barcia / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas iniciou este martes a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia. A empresa adxudicataria, Mecano Sport, agarda ter rematados os traballos para o inicio da tempada, "ese será o obxectivo, que o 8 de setembro a SCD Ponte Caldelas teña o campo listo, co novo céspede colocado", afirmou nesta xornada o alcalde Andrés Díaz.

O Goberno local cumpre así cos compromisos adquiridos coa Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas e iniciou nesta xornada a substitución dun tapete de herba sintética que data de hai 13 anos e que foi recibido xa a comezos do anterior mandato coa vida útil esgotada, ao tratarse dunha primeira xeración deste tipo de material que, ademais, deteriorouse aceleradamente pola falta dun mantemento adecuado.

Para a colocación do novo céspede o concello asumirá un investimento de 156,171 euros, procedente das arcas municipais. Así Andrés Díaz quere amosar "que os seus compromisos se cumpren" e a súa "aposta polo deporte" en Ponte Caldelas.

A empresa adxudicataria, Mecano Sport, dispón dun prazo máximo de execución de 28 días, polo que as molestias para o club de fútbol serán mínimas e os novos terreos de xogo estarán pronto en disposición de seren utilizados.

A nova superficie de xogo do campo de fútbol terá unha vida útil de 20 anos ao estar confeccionada cos últimos adiantos tecnolóxicos e céspede homologado. Ademais, para garantir a súa durabilidade será sometida a un plan de tratamento, con limpezas periódicas e un mantemento integral anual.

As obras consisten na colocación dos 6.720 metros cadrados da nova alfombra, previa aplicación dunhas 40 toneladas de area de sílice e, finalmente, o reparto doutras 30 toneladas de caucho. A herba terá unha altura de entre 40 e 65 milímetros.