Comeza a construción de catro novos composteiros comunitarios en Valdecorvos e A Parda

Pontevedra
08 de maio 2020

As obras executadas pola empresa Naturgalia céntranse na construción das bases destes elementos, que deben estar en contacto co chan, e estarán concluídas nun prazo de quince días

Obras de construcción de novos composteiros comunitarios en Pontevedra
Obras de construcción de novos composteiros comunitarios en Pontevedra / Concello de Pontevedra

A construción de catro novos composteiros comunitarios nos barrios pontevedreses de Valdecorvos e a Parda acaba de poñerse en marcha. Así o anunciou este venres o concelleiro de xestión de residuos, Raimundo González, quen recoñeceu que o Concello viuse obrigado a acelerar as obras polo elevado uso dos veciños dos colectores xa instalados.

No que vai de confinamento, calculan desde o Concello que xa se trataron máis de 55 toneladas de biorresiduos, unha tendencia á alza que tamén se rexistra na reciclaxe de papel, cartón, vidro e envases.

Dos catro novos composteiros, dous completarán as unidades xa instaladas en Pintor Laxeiro (A Parda) e na Praza dás Regas ( Valdecorvos) e incorpóranse dous espazos novos ao barrio da Parda, nas rúas Pintora Maruxa Mallo e Antón Losada Diéguez.

As obras, executadas pola empresa Naturgalia, céntranse agora na construción das bases destes elementos que deben estar en contacto co chan e dunha fonte para que os usuarios limpen os seus utensolios. Explican desde o Concello que está moi avanzado o de Pintor Laxeiro, en fase de construción a base do do Antón Losada Diéguez e ao longo deste venres empezarán a colocar o de Maruxa Mallo. En 15 días todas as bases destes futuros centros de compostaxe estarán rematadas.

Actualmente o Concello de Pontevedra ten instalados en zonas urbanas composteiros comunitarios nas rúas Eduardo Pondal, Ponte Borela, Camiño de Ferro, Pintor Laxeiro, Rúa dos Soutos, Praza das Regas, Rúa de Prado Novo e nas rúas Alemaña, Europa e Italia do barrio de Monte Porreiro. A eles uniránselle estes catro novos elementos en Valdecorvos e A Parda.