Comeza a construción dunha "fonte cibernética" na Praza Massó

Bueu
21 de marzo 2018

A empresa Rocas Graníticas del Condado comezou o movemento de terras e a preparación do espazo na Praza de Massó no que vai ir a fonte cibernética transitable con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo

Obras da nova fonte da Praza de Massó
Obras da nova fonte da Praza de Massó / Concello de Bueu

A empresa Rocas Graníticas del Condado comezou o movemento de terras e a preparación do espazo na Praza de Massó no que vai ir a fonte cibernética transitable con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo.

Esta actuación ten un importe de 48.375,80 euros que o goberno local de Bueu financia con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación.

As obras proxectadas contemplan a execución de recheo, pavimentación, instalación da fonte transitable e adaptación da contorna para persoas con mobilidade reducida.

O espazo ocupado pola fonte será de aproximadamente 7,00 metros x 7,40 metros, non ocupando pois a totalidade do estanque actual.

Ademais, esta instalación funcionará en circuíto pechado, non precisándose máis achega de auga que o necesario para repoñer as perdas causadas pola evaporación e o vento. Tamén se prevé a instalación de equipos de tratamento e cloración que garantan a calidade da auga.

Por último, o proxecto contempla a mellora do espazo con outros mecanismos como son a iluminación e a instalación de paneis informativos e de sensores pisadores.