Comeza a instalación de tubaxes no novo sistema de sumidoiros entre Antas e Seixido

A Lama
23 de maio 2018

O alcalde da Lama, Jorge Canda, supervisou este mércores o inicio dos traballos da primeira fase de mellora da estrada autonómica PO-235

Jorge Canda visita as obras da PO-235
Jorge Canda visita as obras da PO-235 / Concello da Lama

Xa comezaron os traballos da primeira fase de mellora da estrada autonómica PO-235, entre Antas e  Seixido. Operarios da empresa adxudicataria das obras comezaron a instalar os tubos do novo sistema de rede de sumidoiros.

O alcalde da Lama, Jorge Canda, achegouse para ver a evolución dos traballos que cobren unha demanda histórica. Con estas obras, a estrada gañará en seguridade viaria e mellorará a conexión interior da provincia con Ourense e favorecerá o acceso de tráfico rodado a distintos núcleos de poboación.

A obra foi adxudicada por 600.000 euros e o prazo de execución sitúase en seis meses. Os traballos centraranse en alargar e mellorar o trazado para ofrecer unha maior comodidade na circulación.

Nestas primeiras intervencións ampliarase a calzada e instalaranse beiravías e varandas de contención. Mellorarase o trazado das curvas de acceso aos  pontillóns, ampliando lixeiramente o radio.

Tamén se levará a cabo a reposición da rede de saneamento no núcleo de Seixido e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

A segunda fase das obras permitirá completar o acondicionamento da estrada cun investimento de 1,5 millóns de euros. A Xunta está a redactar este proxecto.