Comeza a integración do Hospital Provincial na nova praza peonil

Pontevedra
21 de novembro 2016

O Concello de Pontevedra comezou este luns as obras de integración da fachada do Hospital Provincial na nova praza creada na rúa Benito Corbal. A empresa adxudicataria da obra é Covsa que executará este proxecto por 59.402,76 euros e terán que estar rematadas antes do 20 de decembro

Reforma do muro do Hospital Provincial
Reforma do muro do Hospital Provincial / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra comezou este luns as obras de integración da fachada do Hospital Provincial na nova praza creada na rúa Benito Corbal. A empresa adxudicataria da obra é Covsa que executará este proxecto por 59.402,76 euros e terán que estar rematadas antes do 20 de decembro.

O proxecto consiste en desmontar parte do muro de peche do Hospital para construír un banco corrido nunha parte, ou rebaixalo até a altura do parterre nas zonas máis próximas á rúa Cobián Areal. Polo tanto, está previsto a desmontaxe das rexas de peche, do muro de mampostería, das columnas, así como a limpeza da pedra.

Tamén se actuará nas rampas de acceso á entrada principal do Hospital substituíndo o actual firme por formigón barrido.  Ademais, adecentarase a escalinata de entrada ao centro hospitalario substituíndo a lousa actual por pedra. 

Pola súa banda, o Sergas retirará nos próximos días a caseta do centro de trasfusións, situada na entrada do servizo de urxencias.

Posteriormente farase unha intervención sinxela de xardinería coa poda das árbores e sebes, e a posta en valor do espazo no que está a imaxe de Asorey. 

Ao estar xa a zona peonalizada, estas obras non implicarán cortes de tráfico. En todo caso, estableceranse itinerarios peonís para que o acceso ao hospital non se vexa interrompido en ningún momento, tendo en conta que tamén se arranxará tanto a escalinata central como as ramplas laterais.

O obxectivo da obra é dar continuidade á praza do Hospital, un dos puntos máis concurridos do barrio, coa zona verde do centro sanitario integrando todo o espazo e embelecendo a entrada dun dos edificios máis emblemáticos da cidade.