A Xunta de Galicia licitou a redacción do proxecto básico e de execución, ademais de dirección de obra, para acometer os traballos de conservación no Museo Massó. Esta actuación nace para mellorar as condicións museísticas dos espazos da antiga conserveira e tamén de inmobles incorporados ao proxecto expositivo.
Co inicio do proceso administrativo ponse en marcha unha partida superior aos 115.000 euros, financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea para proxectos declarados Bens de Interese Cultural.
A empresa adxudicataria dispoñerá dun prazo de tres meses e medio para realizar a redacción do proxecto. A continuación, a Xunta iniciará a licitación das obras de mellora e ampliación do centro.
Inicialmente redactarase o proxecto básico e de execución para deseñar, medir e avaliar os traballos necesarios para afrontar os problemas de acondicionamento das salas e da envolvente do edificio. Actuarase sobre as cubertas e a fachada á praza Massó, tamén na Sala Lugrís e Salgadura Piñeiro. Tamén está prevista unha intervención nas naves da antiga conserveira e de atadores.
A Xunta pretende dotar ao museo dos espazos suficientes para mellorar as súas funcións con renovación das instalacións, que permitan respectar o medio ambiente e ofrecer un edificio máis eficiente. A intervención, entre outras cuestións, tamén terá que promover o seu uso como recurso cultural e turístico.