Comeza o traslado do tendido eléctrico para reanudar a obra da rotonda oeste de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
19 de maio 2020

Esta obra está prevista para o punto quilométrico 64 da Nacional 541 na saída en dirección a Pontevedra. O tendido eléctrico provocou que se paralizara a obra e foi necesario que o tema se levara ao Congreso dos Deputados para axilizar a tramitación

Retirada do poste eléctrico da rotonda oeste de Cerdedo
Retirada do poste eléctrico da rotonda oeste de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Retomáronse as obras de construción da rotonda oeste de Cerdedo. Un grupo de operarios iniciou o traballo de traslado do tendido e do poste de enerxía eléctrica que impedía a construción da rotonda prevista no punto quilométrico 64 da estrada Nacional 541, en dirección a Pontevedra.

A obra para executar a glorieta levaba parada desde hai 18 meses e desde o Concello de Cerdedo-Cotobade esperan que a actuación continúe e finalice o novo entroncamento en breve.

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, afirma que a pesar de que o goberno local lograra o permiso do Ministerio de Industria para recolocar o poste eléctrico, produciuse un "pasotismo absoluto" por parte do Ministerio de Transportes e Movilidad durante meses.

Cubela arremete contra o Goberno Central sinalando que obviou todas as peticións municipais e agradece a interpelación cursada polos deputados do PP hai 25 días ao entender que foi o motivo polo que se reactivou a rotonda.

O alcalde considera que a obra, xa adxudicada, é fundamental para reforzar a seguridade viaria da estrada nacional. Indica que os elementos da obra atopábanse dispersos sen control e con risco para os usuarios desta vía.