A partir deste luns 14 de decembro iniciarase unha campaña especial por parte da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) con controis da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores que ciruclen polas vías galegas.
Durante toda a semana, ata o domingo 20, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis e manteranse en colaboración cos concellos para que se efectúen controis tamén en zonas urbanas, con especial incidencia naquelas zonas de lecer nocturno.
A Delegación do Goberno en Galicia alerta de que o alcol é un factor concorrente nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de agravar as consecuencias.
Durante 2014, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 39,09% presentaba unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que crece nunhas décimas, ata o 39,88%, no caso de peóns falecidos pola mesma causa. E nese sentido, Tráfico tamén alerta da importancia de que os peóns deben atoparse en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para evitar riscos.
A DXT detectou un cambio no comportamento dos condutores que supuxo un descenso significativo dos positivos detectados en controis de alcoholemia realizados nas estradas españolas na última década, pasándose dunha 5,1% inicial a un 1,6% na actualidade.
En todo caso, a Delegación do Goberno quere advertir que esta evolución non significa que se eliminou o risco. O obxectivo, tanto desta campaña especial como dos controis ordinarios, é proseguir nesta liña descendente. A única taxa segura, lémbrase desde Tráfico, é o 0,0%.