Este luns, 25 de agosto, no corazón do Val do Salnés, Bodegas Martín Códax deu comezo á vendima 2025.
É o momento máis esperado do ano para as máis de 500 familias que forman parte do proxecto colaborativo.
Tras meses de traballo no viñedo e días previos de posta a punto coa recollida de uva seleccionada para a elaboración do seu espumoso, os primeiros acios de uva albariño chegan á adega nun estado sanitario excelente, segundo informan dende a cooperativa.
O técnicos de Martín Códax aseguran que "o ciclo vexetativo desenvolveuse de maneira uniforme, cunha floración óptima e sen incidencias significativas".
As últimas semanas, caracterizadas por máis de dous meses sen chuvias e temperaturas que superaron en varias xornadas os 30 °C, aceleraron o proceso de maduración, situando o inicio da recollida en datas moi similares ás de 2023.
"Este ano as condicións climáticas supuxeron un reto, pero tamén unha oportunidade para demostrar o compromiso e o coidado dos nosos viticultores. A uva entra na adega nun estado excepcional, cun equilibrio moi interesante entre grao e acidez que anticipa unha gran colleita", explica Miguel Tubío, director técnico de Bodegas Martín Códax.
A vendima desenvolverase de maneira progresiva e prevese completala na primeira quincena de setembro.
Cada acio será trasladado de inmediato ás instalacións de Cambados, onde comezará un proceso de vinificación preciso e respectuoso coa variedade para preservar toda a expresión aromática do albariño.